A ESCOLA

Un lugar para os nenos/as onde as familias teñen un espazo aberto e participativo, onde a confianza será clave para a educación dos seus fillos.

O día a día

O tempo que pasamos na escola témolo dividido por rutinas, sendo todas de igual importancia. O tempo que adicamos a cada rutina varía en función da idade, do ritmo, dos intereses e necesidades dos nenos/as.

En cada unha destas rutinas lévanse a cabo actividades adecuadas a elas co material específico, cumprindo os obxectivos que nos marcamos na nosa práctica educativa.
Chamamos rutina a cada un dos momentos que vivimos a diario na escola e que se repiten máis ou menos da mesma forma, en igual hora, espazo...como por exemplo;

Entrada e saída
Faranse na aula de referencia de cada neno/a e de maneira individual. Tamén será un momento de encontro coas familias para intercambiar información.

Actividade e obradoiros
Desenvolveremos unha aprendizaxe baseada na experimentación onde reforzaremos o traballo en diferentes áreas. Realizaremos saborosas e sas receitas no obradoiro de cociña, pintaremos murais e decoraremos os nosos espazos no obradoiro de pintura, achegarémonos a outras linguas no obradoiro de inglés e relaxarémonos coa actividade de ioga.

Os materiais utilizados na escola son didácticos, motivadores e axeitados a cada unha das etapas do neno/a. Tamén teñen un papel importante os materiais de refugallo cos que os nenos/as da escola construirán variados obxectos. Todo o material está o alcance dos nenos/as.

Durmir
Durmirase na aula de referencia do neno/a na que se organizará un espazo axeitado onde poidan descansar. Na aula de bebés contamos cun espazo específico dentro da aula, con berces para que poidan durmir tranquilos sen ser molestados polo ruído que o resto poida producir.

Aseo
Rutina que se repite en varios momentos do día (antes e despois da comida, despois dunha actividade na que se manchen, despois de durmir, no período de control de esfínteres...).Orientada a acadar unha adecuada hixiene e unha progresiva autonomía. Levarase a cabo nos baños das respectivas aulas.

Comida
Elaboraremos a nosa propia comida na cociña da escola, con alimentos de primeira calidade e valorando os produtos naturais. Levarase a cabo nunha zona adecuada e preparada para iso na que todos/as poidan gozar da comida, respectando en todo momento o ritmo do neno/a.

Espazo exterior
A escola conta cun espazo exterior no que se realizarán actividades tanto de xogo libre como dirixido. Contamos con diverso material como cubos, pas, triciclos, rastrillos...